Carballos made in Galicia.

O carballo (Quercus robur) é unha árbore típica galega de copa amplia; tronco dereito, curto e groso; cortiza grisácea ou blanquecina e follas grandes, simples e de cor verde intenso pola cara. Medra en solos profundos e frescos en zonas cun clima húmido, oceánico e temperado.

É unha árbore con moita importancia, tanto económica como ecolóxica, pero a súa reprodución a través de métodos tradicionais (enxerto ou xerminación das landras) presenta dificultades, xa que as súas sementes non sobreviven en condicións secas e frías.

Para resolver este problema, no ano 2010 un grupo de científicos galegos comezou a traballar nun proxecto que tiña como obxectivo a reprodución in vitro desta árbore a través dunha nova técnica. Agora, catro anos despois, os resultados do seu estudio foron publicados no libro ‘Tree Biotechnology’ que foi editado o pasado mes de abril por  CDC Press.

Os investigadores do Grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Santiago de Compostela utilizaron unha técnica denominda embrioxenese somática a través da cal, a partir de fragmentos de folla, conseguiron obter embrións capaces de xerminar e de producir plantas idénticas á orixinal. Os resultados do estudio revelan que ata un 80% dos embrións creado desenvolveron a raíz e destes, un 50% conseguir desenrolar as súas primeiras follas.

Embrións somáticos emerxendo a partir dunha folla.

Esta técnica permite seleccionar árbores que interesen polas súas características, clonalos e que conservalos en nitróxeno líquido. Así, se algún destes exemplares desaparecera, poderíase crear outro exactamente igual.

Como vemos, se se consegue unha boa taxa de produción e un porcentaxe alto de xerminación, esta técnica será a solución do problema e a alternativa á reprodución dos carballos mediante técnicas tradicionais, xa que permite a produción dun maior número de plantas no mesmo tempo e o almacenamento dos embrións en nitróxeno líquido de maneira indefinida.

Ademais, os investigadores galegos ven nesta técnica un método de rexeneración idóneo para ser empregado na transformación xenética do carballo, podendo así modificar ou incluír xenes nos embrións que melloren a resistencia dos carballos fronte ás enfermidades que afectan a esta especie.

 

Autora: Tamara Parracho Martínez

Esta entrada foi publicada en biodiversidade, Ciencia e Sociedade, Novas e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta