Plástico como prato principal

Aínda que algúns plásticos poden ser reciclados, outros moitos non, polo que son eliminados de diversas maneiras prexudiciais para o medio ambiente, exportados a países subdesenvolvidos, incinerados ou simplemente tirados sen mais ó vertedoiro ou ó mar. Das 288 toneladas de plástico que se producen o ano, un 10% son tiradas ó mar.

Pero este panorama podería cambiar nos próximos anos grazas as larvas do escaravello da fariña (Tenebrio molitor linnaeus). Estas larvas son coñecidas, en todo o mundo, por infestar  as nosas cociñas cando deixamos un tarro de fariña aberto e, a miúdo, poden chegar a ser unha praga nos almacéns de cereais e grans.

O que a maioría da xente non sabe é que non sempre son prexudiciais para nós, senón que tamén, segundo novos estudos feitos por científicos da Universidade de Stanford (California) e da de Beihang (China), poden ser, nun futuro próximo, as nosas grandes aliadas para loitar contra os problemas que supón a eliminación destes mencionados residuos plásticos que ata o momento non están sendo reciclados.

Como xa se sabía, estas larvas son detritívoras, e dicir, nútrense de restos  de materia orgánica; pero o que estes científicos descubriron é que tamén poden alimentarse de plásticos non biodegradables (ata o de agora só se probou en espuma de poliestireno pero os científicos traballan por poder aplicarllo a outros tipos de plásticos). Isto quere dicir que poden alimentarse deste plástico sen que este dane a súa saúde, e fano grazas a unhas bacterias que teñen dentro do seu aparello dixestivo, facendo que  o 50% do que inxiren acabe convertido en dióxido de carbono, mentres que o restante 50% é excretado en forma de pequenos fragmentos biodegradados.

Segundo a investigación cada individuo pode devorar un promedio de 36 miligramos de plástico en apenas 24 horas, degradando o poliestireno e manténdoo dentro do seu corpo neste período de tempo. Ademais o que se descubriu e que algunhas larvas sobreviviron arredor dun mes alimentándose única e exclusivamente deste material. O que determinou este experimento e que as larvas que inxiren este menú exclusivo teñen a mesma esperanza de vida que as que se nutren da comida habitual desta especie.

Mais a cousa non acabou así, pois os científicos, nunha segunda fase da investigación, conseguiron illar as bacterias (Exiguobacterium sp. strain YT2) que fan posible que o plástico poida ser dixerido por estas larvas. E, tras un período de incubación de 2 meses, as bacterias illadas colocadas sobre fragmentos de poliestireno formaban biopelículas e conseguían atravesalos formando cavidades. Neste tempo as bacterias foron capaces de degradar arredor do 7.4% do volume destes fragmentos.

Na mesma fase do experimento os investigadores lograron demostrar que as larvas dixerían o plástico grazas a esta bacteria. Ó engadir un antibiótico (gentamicina) a súa dieta, provocaron a desaparición destas bacterias, e polo tanto, que as larvas perderan o seu “superpoder” de transformar o plástico en CO2 e en fragmentos biodegradados.


Así que debemos de tratar o noso planeta como o ben máis preciado que temos, e manter os ecosistemas naturais xerados, xa que, ademáis de por outras moitas razóns, en calquer momento poden axudarnos a remendar os nosos erros medioambientais que conlevarán á destrución da terra.

Esta entrada foi publicada en Ciencia e Sociedade, Medioambiente, Novas e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.