Os terremotos do Xapón e o Ecuador conectados ?

Esta é a gran pregunta que se están a facer agora mesmo os científicos e sismólogos de todo o mundo. E polo de agora, segue sen ter resposta, aínda que predomina o NON, pero tampouco se descarta que estes dous grandes terremotos devastadores que sacudiron o Xapón e o Ecuador nos últimos días teñan relación.

Os tremores comezaron no Xapón o pasado xoves 14 cun primeiro sismo cerca da cidade de Kumamoto, ao sur do país, deixando tras de si nove falecidos. Aínda que o peor estaba por chegar. E chegou ao día seguinte, en forma dun poderoso terremoto de 7.3 graos na escala de Richter, que provocou 40 mortes e máis dun centenar de persoas desaparecidas. Pasadas unhas horas, no outro lado do Pacífico desenvolvíase outro arrasador terremoto nas costas do Ecuador. Unha sacudida que chegou aos 7.8 graos na escala de Richter o sábado 16 e que, ata polo de agora, xa levou por diante a vida de 480 persoas e outras 4.000 feridas. A este tremor seguíronlle as sempre coñecidas réplicas chegando as máis fortes aos 5.4 e 5.1 graos.

maxresdefault

A foto da esquerda é unha das grandes e desoladoras brechas que se abriron tras o terremoto sufrido no país nipón.

Cos tremores sufridos no Ecuador prodúcense os terremotos máis devastadores do país dende o ano 1979, ano en que casualmente un terremoto de análogas condicións fixo aparición na mesma zona. O interesante vén agora, pois estes sucesos levan aos sismólogos a pensar que este terremoto segue unha liña de sismos do século XX, na que houbo tres tremores de sur a norte na mesma costa, e agora parece que se está a repetir a secuencia pero en sentido inverso.

Agora ben, a sucesión destes dous grandes acontecementos nun período tan curto de tempo leva a pensar a moita xente que poderían estar relacionados. Pero a realidade é outra: ámbolos dous tremores teñen o epicentro no chamado Cinto de Lume, situado no Océano Pacífico, liña moi famosa por ter as zonas de subducción máis perigosas do mundo, nas que se desenvolveron os últimos terremotos.

Pero a pesares de estar situados nesta devastadora liña de volcáns e terremotos, non parecen albergar relación algunha, pois o Ecuador e o  Xapón están moi separados entre eles (15.445 quilómetros). Outra das principais razóns é que os epicentros dos terremotos sitúanse en dúas placas tectónicas diferentes, como son a Placa de Nazca (Ecuador) e a Placa do Pacífico (Xapón).

Unha das hipóteses era que o terremoto do Xapón provocase unha xigantesca onda que chegase en cuestión de horas ao outro lado do oceáno xerando o sismo do Ecuador. Pero foi rápidamente descartada, xa que según isto tería que tratarse dunha onda demasiado grande como para ser quen de cruzar o Pacífico nunha diferenza tan pequena de horas. Outra razón é que o maior tremor do Ecuador (de 7,8 graos), foi unhas 20 veces máis forte ca o do país nipón.

En fin, parece que estes dous xigantescos terremotos non teñen nada que ver o un co outro. Aínda sendo parecidos, todo indica que é imposible percorrer semellante distancia en tan poucas horas por moi grandes que sexan os tremores.

Agora paso a mostrarvos unhas arrepiantes imaxes do que sufriron unhas persoas nunha rúa dunha das cidades afectadas polo terremoto de Ecuador.


Esta entrada foi publicada en Dinámica interna da Terra, Novas e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta