O LIXO TEN VALOR (SOBRE TODO SE É ORGÁNICO)

Actualmente, un 30% do noso lixo é materia orgánica que se pode reempregar. A compostaxe é unha boa solución para este desaproveito da materia orgánica. Con este método deixaríase de recorrer ao contedor verde e os residuos orgánicos xerados nas vivendas serían levados a compostadores onde se transformarían en compost, que despois sería empregado como abono. Pero… que é a compostaxe e que vantaxes ten? A compostaxe é a maneira de converter os restos de comida e vexetais en fertilizantes naturais. Debemos levar a cabo este proceso porque así reduciríamos a cantidade de lixo que acaba no vertedoiro ou que se incinera. Ademais é moi doado de facer e menos custoso que outros sistemas de xestión do lixo.

Compostaxe

Para compostar é moi importante saber que é correcto botar nun compostador e que non. Podemos verter froita, verdura, cáscaras de ovos, pan, papeis sen tinta (xa que esta é tóxica), cortes de pelo, alimentos caducados, trapos, tecidos, posos e filtros de café… Sen embargo non se pode botar queixo, carne e pescado (xa que atraen aos roedores), osos, plantas enfermas, aceites fritos (ou produtos cociñados con estes), produtos lácteos, feces de animais ou persoas, cueiro, compresas, tecidos sintéticos, plásticos, calquera resto que non sexa orgánico e biodegradable…

Como se fai un bo compostado e canto se tarda? Para compostar é moi importante mesturar os restos orgánicos con materiais leñosos e secos de podas, follas… Ademais hai que conseguir a mestura cunha humidade, temperatura e osixenación óptimas. Para conseguilo, dentro do compostador deberiamos atopar o equilibrio entre os materias frescos e húmidos (froitas, verduras, céspede…) que aportan humidade, e os materiais secos (cartón, cinzas, ramas…) que favorecen á osixenación. Tárdase aproximadamente entre 5 e 6 meses en obter un bo compostado aínda que hai outro que esta listo en só 3 meses aproximadamente, que serve para pequenas porcións de terra, ao que chamamos compost xoven.

Xa dispoñemos duns compostadores en Cambados dende o 12 de xaneiro de 2016. Estes están situados no Pombal. Ademais, despois das vacacións de Nadal, en 2018, levaranse a cabo charlas nos institutos para fomentar a compostaxe.

Noutros lugares estase levando a cabo un proceso que consiste na transformación da materia orgánica a través da acción descompoñedora das lombrigas. Estas, a través do seu tubo dixestivo, converten os restos orgánicos nun produto estable que é o chamado vermicompost. A lombriga vermella de California (Eisenia Foetida) é a principal protagonista neste proceso.

No 2020 a Unión Europea obrigará ás cidades a recuperar o 50 % do lixo doméstico. Hoxe en día só recuperamos o 5%. A acumulación desta materia orgánica xera metano, que é un gas de efecto invernadoiro.

 

Esta entrada foi publicada en Educación ambiental, Medioambiente e etiquetada , , , , , , , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta