OS RÍOS AFÓGANSE

As especies exóticas invasoras estanse a converter na maior ameaza para a biodiversidade do planeta, e o noso país é un dos que se está vendo máis afectado. Pero cando falamos de bioinvasores non nos referimos tan só aos animais, senón tamén a plantas e algas que poden resultar mesmo máis daniñas.

Ourense. 20-10-2016. Plantas invasivas en el Barbaña. Paz

Imaxe do río Barbaña do seu paso por Ourense

Especies como o camalote, están causando serios problemas medioambientais e económicos no río Guadiana, ocupando máis de 150 quilómetros do leito do río.

En Galicia tamén se advirte a presenza de plantas bioinvasoras nos nosos ríos. Por exemplo a proliferación no río Barbaña da planta Ludwigia grandiflora (duraznillo de auga) ocasionou moitos problemas no medio acuático, polo que foi necesario levar acabo unha profunda limpeza por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.


Este tipo de plantas foron introducidas no noso país de forma accidental, como plantas ornamentais en xardíns e parques, ou como plantas ou algas de acuario pola súa capacidade de producir osíxeno.

Debido á presenza destas plantas alóctonas, a luz non é capaz de chegar baixo da auga, polo que as outras plantas non poden realizar a fotosíntese, e ao final morren e acaban desaparecendo. A fauna tamén se ve afectada ao verse reducido o seu nicho alimentario pola falta de osíxeno das augas.

A erradicación desta flora invasora ten moi difícil solución, xa que a utilización de herbicidas non está aconsellada porque afectaría negativamente ao resto da flora e fauna que habita nos ríos. Os métodos que se están a utilizar para o seu control son os manuais, pero non son moi efectivos pola rápida reprodución e colonización destas especies.

En España e en Galicia este problema abordouse de forma tardía, e cómpre un esforzo por parte das administracións para frear o proceso de degradación do medio natural.

En xeral, a prevención é a medida máis eficaz e con menor custo. Neste sentido, deben realizarse campañas de educación ambiental dirixidas a todos os sectores sociais por medio de charlas, material gráfico… que permitan dar a coñecer as especies invasoras e os problemas que presentan.

 

Esta entrada foi publicada en biodiversidade, Medioambiente e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.