Convocouse o próximo sábado 16 de xuño unha manifestación en contra da empresa ENCE pola contaminación que produce na ría. No ano 2016 o Ministerio de Medio Ambiente no goberno de Mariano Rajoy concedeulle unha prórroga de 60 anos a esta factoría. Isto permitiulle ocupar uns terreos privilexiados ao borde da ría en Lourizán (Pontevedra). ENCE é a empresa líder europea en fabricación de pasta de papel, é dicir, de pasta de celulosa. A presenza da celulosa nesta zona é acusada de contaminante e de prexudicar á actividade turística e marisqueira.
Esta manifestación foi convocada pola APDR (Asociación pola Defensa da Ría). Celébrase todos os anos dende xa fai tempo, pero este ano, co cambio de goberno, é mais importante, xa que se lle esixirá a Pedro Sánchez que anule esa prórroga. Mariano Rajoy indultara a esta empresa pero co cambio de goberno e coa axuda de todos os manifestantes pode que se consiga parar, ou polo menos diminuír, a contaminación que está causando esta empresa.
“A presenza de ENCE é un problema en toda Galicia” dixo a APDR. Segundo esta asociación a empresa é a culpable da expansión dos eucaliptos (que é a árbore que utilizan para facer a pasta de celulosa) e, polo tanto, dos incendios que suceden en Galicia. Tamén afirman que isto non ocorrería se o ex-presidente do goberno Mariano Rajoy non aceptara a prórroga ilegal.
A manifestación comezará ás 19:30. Rematará diante do complexo factorial onde se lerá un manifesto. O lema escollido este ano é ‘Debaixo da fábrica están as praias’ e con el critican que a factoría está situada nun terreo público marítimo-terrestre no que antes había uns grandes arenais. Este lema é unha modificación do coñecido lema de Mayo do 68 en Paris : ‘Sous les pavés, la plage’ (baixo as pedras, a praia)
“É importante que a xente non esqueza como era a zona antes da chegada da empresa ENCE”, di Antón Masa (o presidente da APDR) sobre o lema.