Montañas baixo os nosos pés

É coñecido comunmente por todos os que recibiron a educación secundaria que a Terra está dividida en tres capas: corteza, manto e núcleo, este último dividido ás veces en externo e interno. Moita xente asume que estas son as únicas divisións, ignorando outras como pode ser a división do manto.

En 1994, a subdución da placa de Nazca cara ó manto baixo a placa Suramericana provocou un forte terremoto coñecido como: o terremoto de Bolivia.

Nun estudo publicado recentemente, científicos da Universidade de Princeton en colaboración con outro grupo chino utilizaron esta información para identificar montañas e outro tipo de relevo na liña que divide o manto en manto superior e inferior atopada a uns 660 quilómetros de profundidade.

Os grandes terremotos son unha fonte de datos extraordinaria para estudar as profundidades do noso planeta. O maior túnel que escavamos non profundaba máis de 12 quilómetros polo que, baixo a imposibilidade de túneles da escala das obras de Xulio Verne, alternativas coma esta son as utilizadas da seguinte maneira: así como podemos ver o noso redor porque as ondas de luz rebotan nas irregularidades dos obxectos, tamén podemos utilizar as ondas sísmicas para obter información da materia baixo os nosos pés.

Iso é precisamente o que fixo este grupo de científicos que, coa axuda dos datos antes mencionados e as supercomputadoras Tiger, simularon o comportamento das ondas para achar algo sorprendente. O que atoparon é que o límite no que se divide o manto é máis áspero e rugoso do que estamos acostumados a ver. Estamos falando dunha topografía máis abrupta que sistemas como os Apalaches e, ó mesmo tempo, o máis probable é que tamén sexa máis grande que calquera terraformación na superficie. Malia isto, a aspereza destas “montañas” non está equitativamente distribuída e isto pode significar máis do que aparenta.

Diferentes puntos de vista amósanse entre a comunidade científica en relación á diferenciación do manto: algúns suxiren un claro límite mentres que outros afirman un manto sen posible distinción química ou física. Este novo descubrimento podería confirmar a veracidade de ámbolos puntos de vista: a aspereza notoria coincidiría cun manto descontinuo mentres que as zonas máis “suaves” significarían as dúas partes do manto perfectamente mesturadas. O que é seguro é que a investigación destas montañas subterráneas é primordial para a postulación de novos modelos terrestres.

Ademais estes descubrimentos axudan a desenredar os misterios que esconde o paradoiro das placas que antes pertencían á corteza e que agora descansan nas profundidades do manto e o do manto antigo.

Quizabes esta exploración non sexa sinxela nin tan exótica coma na película de “Ice Age 3” mais, ó mesmo tempo, os secretos sobre o pasado do noso fogar están ocultos baixo nós mesmos e algún día chegaremos a descubrilos se buscamos da forma axeitada.

Fontes: Princeton University , ScienceDaily

 

Esta entrada foi publicada en Dinámica interna da Terra. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta