OS SEGREDOS DO NÚCLEO INTERNO DA TERRA

manto-terrestre1

A sismoloxía permitiu descubrir que os materiais dos que se compón a capa máis profunda do planeta son máis brandos do que inicialmente se pensaba.

Dous investigadores da Universidade Nacional Australiana  probaron a existencia de materia sólida na base do planeta a través do uso de ondas sísmicas.

Hai diversas categorías que engloban este tipo de ondas, as que lle interesaban ó profesor Hrvoje Tkalčić e ó estudante de doutorado Than-Son Phạm eran as ondas internas: aquelas que chegan a superficie terrestre antes que o tremor do terremoto. En concreto fixeron uso dos datos proporcionados polas ondas S ou secundarias, aquelas que só se poden mover a través de materiais rochosos sólidos durante un terremoto.

“Se a nosa investigación fose correcta, resultaría que o núcleo interno comparte certas propiedades elásticas co ouro e co platino”, declara Hrvoje Tkalčić. “O núcleo é coma unha cápsula do tempo, se conseguimos comprendelo tamén entenderemos como se formou o planeta e como evoluciona”.

O núcleo da Terra, soterrado baixo o manto e a codia, está conformado polo núcleo externo – con compoñentes fundamentalmente líquidos- e o núcleo interno. O límite que separa estas rexións recibe o nome de descontinuidade de Bullen. Neste lugar atópase o campo magnético terrestre: un fluxo constante de ferro fundido que xera correntes eléctricas. Sen el, afirma Tkalčić, non habería posibilidade de vida na superficie da Terra. “De ahí a importancia de estudos como o noso”, argumenta.

A pesar de que o núcleo interno sobrepasa o punto de fusión adecuado  a intensa presión a que está sometido impide que este material derreta. Os primeiros modelos que sinalaban a posibilidade de que o núcleo interno fose sólido déronse a mediados do século XX. Os científicos buscaron unha solución para descubrilo: o uso de sismogramas.

Aínda non se confirma ningunha das características xeofísicas do núcleo con este método, a excepción da composición dos materiais, que cren que é menos sólida do que se pensaba  nun principio.

 

Esta entrada foi publicada en Dinámica interna da Terra e etiquetada , , , , , , , , , , , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta