Unha adorábel pista na evolución do voo

A evolución é un feito innegable no ámbito científico. Cada día, estanse a descubrir probas que nos dan máis pezas para xuntar este crebacabezas e reconstruír o noso pasado, o dos seres vivos que habitamos o planeta Terra. Este pasado está cheo de cambios e intentos por desenvolver diferentes habilidades para lograr adaptarse e sobrevivir. Un claro exemplo é a capacidade de voo, a cal está moi estendida polas diferentes especies que comprenden o reino animal. Dende aves ata morcegos, a capacidade de voar hoxe en día é fundamental para a vida de certas especies e está claro que tivo os seus precursores.

O voo evolucionou de moitas formas independentes entre si. Nos últimos anos xurdiron descubrimentos que apuntan a que algúns dinosauros, en lugar das súas características escamas de réptiles, xa levaban plumas, similares ás que encontramos nas aves do noso mundo actual. Porén, a evidencia de antepasados doutros animais coma os morcegos mantívose máis dispersa, ocultando parcialmente para os nosos ollos a evolución do seu voo. Non obstante, un estudo recente describiu ao Ambopteryx longibrachium, unha especie voadora de só 33 cm de longo que viviu en China no período Xurásico. Esta criatura posuía unhas ás membranosas “de morcego”, sen plumas e pertencente ao grupo dos dinosauros escansoriopteríxidos. Pertencer a este grupo normalmente implica a posesión de plumas, pero no ano 2015 descubriuse o Yi qi, cuxo nome precisamente significa á estraña. Isto débese a que esta especie tiña un óso alongado en forma de vara desde o pulso, algo nunca visto en dinosauros, pero si en morcegos ou pterosauros, o que causou controversia de se realmente contaba con ás.

O descubrimento do Ambopteryx longibrachium é claramente distinto ó de Yi qi, mais podería significar outro gran aporte en relación a destapar o camiño percorrido pola evolución paralela dos distintos tipos de voo, aínda que o que vemos exemplificado nestas especies só foi un mero e curto experimento da natureza, xa que estas ás non chegaron ás nosas aves que optaron por elixir as plumas.

A investigación neste fósil e nos que se atopen nun futuro seguirán revelando pistas para rematar este crebacabezas que aínda estase a comezar.

Fontes: Nature ;  Gizmodo

Esta entrada foi publicada en biodiversidade, Novas e etiquetada , , , , , , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta