O ammonites: o caracol prehistórico

 

ammonites

O animal que se pode observar na imaxe de arriba parecería unha lura ou un caracol, pero en realidade é unha especie que existía fai catrocentos millóns de anos. O ammonites é unha subclase de molusco cefalópodo que  viviu dende o Devónico ata o Cretácico.

Esta especie está formada por unha cuncha e un corpo brando. A cuncha ten forma de espiral, atópase dividida nunha serie de cámaras que conteñen un líquido chamado “líquido cameral “. Estas cámaras están separadas por unha parede ou tabique chamado septo, que está presente en todo o interior da cuncha.

Contén varias cámaras internas pequenas e unha grande onde se aloxa o animal (cámara habitación). A medida que o individuo medra vanse creando novas cámaras, polo cal cada cámara representa un estadío de crecemento do animal. Este caparazón pode ter diferentes tamaños. Coñecense ammonites moi pequenos de só algúns centímetros ata especies xigantescas que alcanzaron máis de tres metros.

Créese que vivían en profundidades comprendidas entre os cincuenta e cen metros, aínda que algúns deles poderían facelo a profundidades superiores dos setecentos metros. Como os cefalópodos actuais, debían ser carnívoros, alimentándose de peixes e crustáceos.

ambarA gran maioría dos fósiles dos ammonites foron localizados en xacementos, algúns exemplares foron atopados coa cuncha orixinal fosilizada en calcita. No mes de maio de 2019, atopouse un ammonite do tamaño dunha uña, algo moi inusual, que data do Cretácico, fai noventa e nove millóns de años. No estudo publicado en Proceedings of the National Academy of Sciences, os autores sinalan que «os organismos acuáticos atópanse raramente en ámbar, pero cando isto ocorre dá unha evidencia invalorable para comprender mellor os ecosistemas pasados e a tafonomía do ámbar». A tafonomía é a rama da paleontología que estuda os procesos de fosilización.


Esta entrada foi publicada en biodiversidade e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta